Mondoñedo comprende un territorio que conta cuns
importantes recursos naturais que tanto os cidadáns de hoxe en día,
coma os nosos antepasados souberon valorar na súa xusta medida.
Nalgúns casos, estes espazos naturais non teñen unha cualificación
determinada que os sinale como un lugar de interese especial, a
pesar de que dispoñen de importantes recursos naturais. Sen embargo,
no concello de Mondoñedo tamén existe unha importante parte do seu
territorio que está protexida pola lexislación actual; estamos a
falar dos Lugares de Interese Comunitario (LIC) máis coñecidos como
Rede Natura, trátase de espazos naturais sinalados pola Comunidade
Europea como lugares a protexer pola importancia do ecosistema que
sosteñen e a súa boa conservación.
Dous destes espazos naturais de Mondoñedo
cualificados como Rede Natura e protexidos pola lexislación
urbanística e medioambiental, están sendo ameazados pola inminente
construcción de minicentrais hidroeléctricas. Estes proxectos están
sendo promovidos por empresas privadas que responden a un interese
particular, en contraposición ao interese xeral dos mindonienses.
Estas minicentrais, e outras semellantes nos ríos galegos, están
atopando unha importante contestación social que culminou coa
iniciativa lexislativa popular pola que se aprobou a Lei de Ríos.
Minicentral Salto do Cabana.
Está prevista nas inmediacións da Area Recreativa da
Fervenza, tamén coñecida como Piscina do Coto. Entre as
consecuencias que traería para a zona este proxecto encontrámonos
coa limitación do caudal actual nun 90 %; o cal supoñería a práctica
desaparición do río, converténdose nun regato que ademais non
chegaría nin para encher a piscina fluvial, ademais das importantes
afectacións ambientais no ecosistema. Estamos ante un proxecto que
de levarse a cabo afectaría a un LIC Rede Natura apreciado polos
mindonienses e os visitantes, para o seu tempo de lecer. Polo tanto,
consideramos que o interese xeral non pode sucumbir ante o interese
particular das empresas.
Minicentral Río Figueiras.
O encoro da minicentral prevista estaría situado no
lugar de Romeo, en Figueiras, e o seu canle de derivación chega ata
a Ferrería en Viloalle, afectando ao río nun tramo que supera os
dous quilómetros. Proba da importancia deste río é que a
cualificación como LIC da Rede Natura afecta so ao río, polo que se
si ve afectado pola construcción desta minicentral perdería a
cualificación como Rede Natura.
Recollendo o sentir popular dos mindonienses,
queremos manifestar a nosa oposición á construcción destas
minicentrais hidroeléctricas, mediante os argumentos anteriormente
sinalados. Así mesmo, comunicarlle ás empresas e organismos
afectados que mediante a creación desta Plataforma, pretendemos
facer valer os nosos dereitos e intereses lexítimos, en canto á
conservación dun medio ambiente sostible, e duns recursos sociais e
turísticos que tamén se verían afectados coa construcción das
minicentrais proxectadas.
Hoxe 12 de Febreiro do 2009, no Centro Comarcal A Mariña Central,
ás 22:30 horas queda constituída a “Plataforma Furapresas”.
Subir.
Mondoñedo en “pe de guerra” fronte ás centrais hidroeléctricas
A Plataforma Furapresas
organiza diversos actos para reivindicar a conservación dos valores
naturais, turísticos e culturais
Con motivo dos proxectos de centrais hidroeléctricas
previstos nos ríos de Mondoñedo, o próximo fin de semana terán lugar
diversos actos reivindicativos de cara a visualizar a oposición da
sociedade a este tipo de actuacións que lesionan gravemente o medio
ambiente, en espazos cualificados como Rede Natura (Europa e España)
e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (Galicia).
O sábado 13 temos previsto unha proxección
fotográfica na Praza do Concello ás 23:00 h., na mesma poderemos
contemplar a beleza dos espazos naturais que albergan os ríos
Tronceda e Figueiras, centrándonos nas áreas afectadas pola
construcción das centrais hidroeléctricas.
O domingo 14 xuño imos realizar varios actos na
defensa dos ríos Tronceda e Figueiras, e polo tanto tamén da Área
Recreativa da Fervenza:
En primeiro lugar, as 12:30 h. iniciarase unha
marcha reivindicativa que sairá do barrio dos Muiños e rematará na
Área Recreativa de A Fervenza, e que terá o seguinte itinerario:
Muiños - Praza da Catedral – Concello - San Lazaro - Coto da
Redaeira - A Fervenza. Durante a marcha, contaremos co acompañamento
de música a cargo dos participantes, e nas diversas escalas do
percorrido farase lectura de manifestos alusivos á defensa dos ríos,
e á conservación da Fervenza como espazo de lecer.
Remataremos a marcha cun xantar popular na Área
Recreativa da Fervenza ás 14:30 h., ao que se pode asistir levando o
propia xantar ou anotándose á lista do xantar organizado pola
plataforma Furapresas (617353140 – 696452308), entre todos faremos
unha boa festa.
Marcha reivindicativa: domingo 14 ás 12:30 h, dende Os Muiños
(Mondoñedo).
Xantar popular: domingo 14 ás 14:30 h, na Área Recreativa da
Fervenza.
Plataforma Furapresas
Subir.
CARTEL DA XUNTANZA.

Subir.